lunes, 9 de junio de 2014

Descobren un xene que actúa como interruptor do sobrepeso

O consumo a longo prazo de demasiada comida rica en graxa e en enerxía conduce a ter sobrepeso. Dito así, parece todo moi claro, pero o proceso de acumulación de quilos de máis pasa por unha complexa regulación do metabolismo dos lípidos. Historicamente, a especie humana tivo que afrontar diversas presións evolutivas, e a escaseza de comida foi unha das máis importantes. Esta última moldeou o noso metabolismo para poder explotar de forma óptima a enerxía presente nos alimentos.
Agora descubriuse que o xene SIRT7 desempeña un papel clave no metabolismo enerxético. Uns ratos modificados xeneticamente para que non posuísen o devandito xene mantivéronse nun peso normal a pesar dun alto consumo de alimentos ricos en graxa.

Os autores do achado, científicos do Instituto Max Planck Para a Investigación Cardiaca e Pulmonar en Alemaña, e as universidades xaponesas de Sendai e Kumamoto, realizaron as súas probas con eses ratos que non tiñan o xene SIRT7 e con outros dun grupo de control que si o posuían. A uns e outros ratos alimentóuselles con comida moi rica en graxa durante meses. Os ratos sen o xene SIRT7 mantiveron o seu peso normal, mentres que os do grupo de control gañaron moito máis peso.
Ademais, constataron que, en comparación cos ratos do grupo de control, estes animais tendían a ter niveis menores de triglicéridos e colesterol no fígado, e niveis normais de insulina.
Todo apunta, polo tanto, a que os animais que non tiñan o xene SIRT7 podían procesar mellor o exceso de enerxía na comida e non acumulaban depósitos patolóxicos de graxa.

As imaxes por microscopio mostran o tecido hepático dos animais de control, á esquerda, e o dos ratos que non tiñan o xene SIRT7, á dereita. Mentres que os animais do grupo de control desenvolveron unha gran cantidade de depósitos de graxa ao ser alimentados cunha dieta rica en graxa, os ratos sen o xene SIRT7 non desenvolveron un fígado graxo.



Alba Álvarez Pacios nº1, 1ºBACH.-A

No hay comentarios: