martes, 28 de enero de 2014

Os pastores ibéricos fixéronse tolerantes á lactosa para adaptarse ás fames da Idade de Bronce

Un estudo publicado en 2009 revelou que a tolerancia á lactosa desenvolta polos europeos produciuse hai máis de 7.500 anos.

Os científicos tiñan unha soa hipótese para xustificar esta tolerancia: os antigos pastores neolíticos necesitaban adquirir vitamina D para procesar o calcio e evitar enfermidades mortais como o raquitismo.

Agora, investigadores europeos acaban de probar que a hipótese da vitamina D é válida para os habitantes do norte, pero non para os do sur do continente, segundo un artigo publicado na revista Molecular Biology and Evolution e no que participaron científicos españois.

Ó analizar ADN da cova do Portalón, no depósito de Atapuerca (Burgos) de hai 3.800 anos, os científicos comprobaron que os nosos antepasados ibéricos non tiñan o xen que lles permitía dixerir o azucre do leite. 


A maioría dos pastores ibéricos da época non eran tolerantes á lactosa, pero si podían consumir fermentados lácticos, como queixo ou iogur, xa que a fermentación transforma gran parte da lactosa en graxas dixeribles. Os expertos apuntan a que en épocas de fame, cando as colleitas non eran suficientes, se viron obrigados a comer máis alimentos procedentes do leite.

Este cambio na dieta provocou fortes episodios de diarrea e outras doenzas -síntomas da intolerancia á lactosa- que en persoas con problemas de nutrición podían ser graves e mesmo mortais. Os autores do estudo cren que o proceso de selección natural permitiu desenvolver a persistencia da lactasa -a adaptación que permite tolerar os azucres do leite- en rexións como a península ibérica.

"A nosa investigación demostra que estes xenes se desenvolveron grazas a unha selección natural. Estes resultados debilitan a teoría da asimilación do calcio, xa que algo máis produciu esta mutación xenética", explica unha das investigadoras.

A teoría establecida ata o momento defendía que a tolerancia á lactosa europea se producíu como resposta á necesidade dos antigos poboadores neolíticos de adquirir vitamina D para procesar o calcio.
Os habitantes da península ibérica, pola súa banda, poderían adquirir vitamina D grazas a que estaban expostos aos raios UVA do sol durante máis horas que os seus contemporáneos do centro e norte de Europa.

"Se a selección natural impulsa a evolución cara á persistencia da lactasa nun lugar onde as persoas non teñen problemas para adquirir vitamina D, a hipótese da asimilación do calcio non é a única. Esa teoría pode ter certa relevancia no norte de Europa, pero non en todas as rexións"

Segundo os expertos, os restos de ADN de Atapuerca demostran que a tolerancia á lactosa se desenvolveu de xeito independente en distintas partes do mundo grazas a outras presións evolutivas, e non só a necesidade de asimilar o calcio.



Alba Álvarez Pacios, nº1, 1ºBACH. - A

No hay comentarios: